Contacto

Domingo Fontán nº7. 15771

Santiago de Compostela

Área de Coordinación Xeral

Tfno.: 981 54 22 11

Área de Corporacións Locais

Tfno.: 981 54 22 12

Área da Conta Xeral

Tfno.: 981 54 22 13

Área do SERGAS

Tfno.: 981 54 22 14

Área Institucional

Tfno.: 981 54 22 15

Secretaría Xeral

Tfno.: 981 54 22 16

Fax: 981 54 22 10

secret@ccontasgalicia.es

¿Qué é o Consello de Contas?

O Consello de Contas de Galicia, ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego, foi creado pola Lei Orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de Autonomía de Galicia. A Lei de Galicia 6/1985 que regula a súa organización e funcionamento foi modificada posteriormente pola Lei 4/1986, do 26 decembro. O Tribunal Constitucional na súa Sentencia 18/1991, do 31 de xaneiro, precisou que as competencias do Consello de Contas en materia de xulgamento serán exercidas por delegación do Tribunal de Cuentas.

Por acordo de 2 de xuño de 1992 da Comisión permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas, o Parlamento aprobou o Regulamento de réxime interior da Institución, ultimándose deste xeito o marco legal no que exerce as súas funcións.

O inicio das súas actividades producíuse o primeiro de marzo de 1991, ó tomaren posesión dos seus cargos os cinco conselleiros designados polo Parlamento de Galicia. De acordo co previsto na disposición transitoria 2ª da Lei do Consello de Contas, tres conselleiros foron renovados ós tres anos, isto é en xullo de 1994, para así poder axusta-los nomeamentos dos conselleiros a renovación parcial na forma legalmente establecida, mantendo a duración dos seus mandatos en seis anos. Posteriormente en 1995, 1997, 2000 e 2003 foron efectuados polo Parlamento de Galicia nomeamentos de conselleiros segundo se especifica no apartado seguinte.

Función Fiscalizadora

Ó delimitar as competencias fiscalizadoras do Consello, a Lei 6/1985 sinala que o sector público galego está composto pola Administración Autonómica e as entidades locais, así como os seus organismos autónomos e empresas dependentes, as cámaras agrarias, da propiedade, de comercio, industria e navegación, confrarías de pescadores e outras de natureza equivalente. A Lei de Galicia 10/1996, somete á fiscalización do Consello ás fundacións constituídas maioritariamente ou na súa totalidade polas entidades da Comunidade Autónoma mencionadas ou ás que os seus ingresos proveñan maioritariamente de subvencións con cargo ós orzamentos da Comunidade, sempre que nos seus órganos de goberno ou dirección formen parte representantes da comunidade autónoma.

Como órgano estatutario que emana do Parlamento de Galicia o Consello de Contas exerce as súas funcións con plena independencia e sometemento ó ordenamento xurídico, actuando de oficio ou a petición do Parlamento de Galicia ou por delegación do Tribunal de Cuentas ou do Tribunal de Cuentas Europeo cos que ademais poda colaborar en tarefas fiscalizadoras.

A función fiscalizadora do Consello de Contas comprende a actividade económico e financeira e contable do sector público de Galicia, as subvencións, créditos, axudas, avais, e exencións fiscais concedidas por aquel, así como os contratos celebrados polos entes públicos sinalados, todo elo con criterios de legalidade, eficacia, eficiencia e economía. Ten ademais encomendado a emisión dos ditames e consultas que en materia de contabilidade pública e de xestión económica e financeira lle soliciten as institucións e os entes públicos.

Os informes e a súa tramitación

Os traballos de fiscalización do Consello de Contas conclúense na emisión de informes que se presentan ó Parlamento de Galicia. Os informes de fiscalización realízanse ou ben a iniciativa do propio Consello de Contas que os inclúe no plan de traballo que anualmente se remite ó Parlamento de Galicia, ou ben a iniciativa deste último.

Os informes poden ser de dous tipos: de regularidade e operativos. Nos informes de fiscalización de regularidade verifícase o cumprimento da legalidade das contas anuais do ente fiscalizado, mentres que nos informes de fiscalización operativos analízase a eficacia ou grado de cumprimento de obxectivos, a eficiencia ou relación entre medios empregados e resultados, e a economía, ademais de outros posibles aspectos como a equidade, ecoloxía, etc. Pódese dar o caso de que un informe de fiscalización sexa integral: de regularidade e operativo.

Os informes, na fase de anteproxecto, unha vez coñecidos pola Sección de Fiscalización, sométense a alegacións dos entes fiscalizados. Á vista das alegacións formuladas redáctase, pola Área correspondente, un proxecto de informe que se somete á consideración da Sección de Fiscalización que acorda o seu pase ó Pleno para a súa aprobación. Unha vez aprobados polo Pleno, os informes remítense ó Parlamento de Galicia, á Xunta de Galicia, ós organismos e entidades fiscalizadas e ó Tribunal de Cuentas. O primeiro informe de fiscalización do sectro público galego presentouno o Consello de Contas o Parlamento o 29 de xaneiro de 1993, referente ó exercicio 1990.