Vostede está aquí

Comisión Técnica

Constitución

A Comisión Técnica de Prevención da Corrupción constitúese o 7 de abril de 2017 por acordo plenario do Consello de Contas coa finalidade de dar cumprimento ás previsións do Regulamento de Réxime  Interior. Estará integrada polo persoal previsto no artigo 16.2. do dito Regulamento.

Normas de funcionamento

As normas de funcionamento da Comisión Técnica foron aprobadas por Acordo do Pleno do Consello de Contas celebrado o 16 de maio de 2017 nos seguintes termos:

Primeira.- Marco normativo

A Comisión Técnica de Prevención da Corrupción estará integrada polo persoal previsto no artigo 16.2. do Regulamento de Réxime Interior do Consello de Contas. Constituída con carácter inicial polo persoal designado polos conselleiros dos distintos departamentos sectoriais do Consello, todos os seus membros terán voz e dereito a deixar constancia da súa opinión na correspondente acta da sesión.

Segunda.- Son funcións da Comisión:

a) Definir os criterios para a elaboración dos cuestionarios de avaliación de control interno

b) Definir os criterios para formulación de guías e modelos de plans de prevención de riscos da corrupción.

c) Coñecer a elaboración de diagnósticos e as propostas e recomendacións que deba aprobar a Sección de Prevención da Corrupción nesta materia.

d) Analizar os aspectos detectados na revisión do control interno das distintas fiscalizacións que poidan recomendar a revisión dos plans de prevención ou a adopción de novas recomendacións.

e) Coñecer as actividades de asesoramento sobre instrumentos normativos ou internos, actividades de acompañamento, formación e impulso, promoción de instrumentos de colaboración, que levará a cabo a Unidade de Prevención da Corrupción.

Terceira.- Composición

A Comisión estará formada por:

Presidente: A presidencia será asumida de forma rotatoria por un período dun ano vinculado ao desenvolvemento do plan anual de traballo por un dos membros designados polos conselleiros, segundo a orde acordada polos propios membros da Comisión.

Vocais: Os auditores designados polos distintos departamentos sectoriais do Consello

Secretario: Actuará como secretario da Comisión un funcionario da Unidade de Prevención designado polo Conselleiro Maior.

Cuarto.- Funcionamento:

O funcionamento da Comisión rexerase por estas normas de funcionamento, e supletoriamente polo establecido para os órganos colexiados das administracións públicas.

Poderá incorporarse á Comisión en calidade de asesores, con voz pero sen voto, outro persoal do Consello de Contas cando se considere necesario.

A Comisión poderá establecer grupos de traballo, formados por persoal do Consello ou externo, para que de acordo coas directrices fixadas pola Comisión, poidan avanzar na concreción dos aspectos técnicos e na elaboración dos acordos a adoptar na Comisión.

A Comisión e, no seu caso, os grupos de traballo, reuniranse coa periodicidade que acorde a propia Comisión. A Comisión poderá, se o estima necesario, fixar un calendario mínimo de reunións para os grupos de traballo. En calquera caso, a Comisión reunirase con carácter previo a súa aprobación, para coñecer as propostas e recomendacións que se eleven á Sección de Prevención da Corrupción. Quen ostente a Presidencia da Comisión, efectuará a convocatoria, cunha antelación mínima de catro días.

As actas de cada sesión da Comisión serán elaboradas polo secretario e aprobadas na mesma ou seguinte sesión.

Os acordos ou conclusións adoptaranse por maioría de votos dos membros da Comisión. No caso de empate decidirá o presidente co seu voto de calidade.

Quinto.- Soporte administrativo á Comisión:

A Unidade de Prevención da Corrupción ocuparase de dar o apoio administrativo necesario á Comisión a fin de garantir a súa operatividade. Encargarase, por indicación do Presidente, de cursar as convocatorias aos membros da mesma para as reunións, así como atender aquelas solicitudes que se lle formulen dende a Comisión e levará o rexistro das actas e documentos que se xeren.

A Comisión terá un espazo asignado na web do Consello como repositorio dos traballos desenvolvidos e como canal de comunicación entre os seus membros.