Vostede está aquí

Presentación

Benvido á web do Consello de Contas de Galicia

Creado no propio Estatuto de autonomía de Galicia e desenvolvido por unha das primeiras leis da Comunidade Autónoma galega (a Lei 6/1985, do 24 de xuño), o Consello de Contas é o órgano de control externo da actividade económica e financeira de Galicia.

O seu ámbito competencial esténdese á fiscalización externa da xestión económica, financeira e contable do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ao asesoramento ao Parlamento de Galicia en materia económico-financeira e ao exercicio da función de prevención da corrupción no ámbito do sector público da Comunidade Autónoma.

Este portal web pretende poñer a disposición da cidadanía toda a información que poida axudar a divulgar o labor que o Consello vén desenvolvendo, as súas funcións, estrutura, normativa e aqueles aspectos esenciais para un mellor coñecemento da Institución. Nel poderá consultar todos os informes que o Consello, tal e como é a súa obriga, rende anualmente ao Parlamento de Galicia, dentro dos principios de transparencia e dereito á información.

O Consello de Contas, que vén de cumprir recentemente o seu 25 aniversario, inicia unha nova etapa coa aprobación da Lei 8/2015, do 7 de agosto, que reforza as súas competencias como órgano de control externo da Comunidade Autónoma, a súa independencia e a súa propia eficiencia e capacidade de cooperación coas outras institucións para garantir unha correcta xestión das finanzas públicas.

A nova lei destaca a atribución de funcións de prevención da corrupción no ámbito do sector público da Comunidade Autónoma, coa responsabilidade de colaborar coas administracións e facerlles propostas para a elaboración de manuais de xestión de riscos, comprobar os sistemas de prevención da corrupción que se poñan en marcha, asesorar sobre os instrumentos normativos máis axeitados para previr e reprimir a corrupción e fomentar na sociedade civil, e particularmente no ámbito empresarial, a transparencia e o comportamento ético nas súas relacións co sector público.

Consonte as novas competencias se poñen en marcha, iremos incorporando nova información que permita manter o nivel de transparencia e prestixio da Institución, acadado pola profesionalidade dun equipo humano no que rexen os principios de ética e independencia e que reiteradamente vén sendo recoñecido por toda a sociedade.

Esperamos que toda esta información sexa da súa utilidade e poñémonos á súa disposición para responder a todas as súas dúbidas e, ao mesmo tempo,  recoller todas as suxestións que nos poidan achegar para mellorar o seu contido.

O conselleiro maior

José Antonio Redondo López