Datos da rendición do Sector autonómico

Datos da rendición do Sector autonómico Publicación da información de rendición en cada exercicio contable das entidades do Sector Público da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén están dispoñibles os resumos das contas individualizadas para a súa descarga. Máis información

A rendición de contas é o acto administrativo mediante o que os responsables da xestión dos fondos públicos (contadantes) informan, xustifican e se responsabilizan da aplicación dos recursos postos á súa disposición nun exercicio económico.

Fontes de información

O Estatuto de Autonomía de Galicia outorga ao Consello de Contas de Galicia as competencias para a fiscalización das contas do sector público da comunidade autónoma. Esta competencia implica a obriga das diferentes entidades que compoñen o referido sector público a render as súas contas a esta Institución.

Analízase a rendición ao Consello de Contas das contas anuais dun exercicio por parte das seguintes entidades sometidas a esta obriga:

  • O Parlamento de Galicia.
  • A Administración xeral e os seus entes dependentes:
    • Entidades Públicas Instrumentais: Organismos Autónomos e Entidades de Consulta ou Asesoramento, Axencias Públicas Autonómicas, Entidades Públicas Empresariais, Consorcios Autonómicos
    • Outras Entidades Instrumentais: Sociedades Mercantís Públicas Autonómicas, Fundacións
  • As Universidades Públicas
  • As Cámaras de Comercio, Confrarías de Pescadores e outras de natureza equivalente.

Tamén están sometidos á obriga de rendición anual de contas os entes que integran o sector público local, se ben quedan fóra do ámbito deste informe xa que a análise do cumprimento do deber de render contas inclúese no informe anual sobre o sector público local.

Segundo a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Administración autonómica formará anualmente a Conta Xeral da Comunidade, que abranguerá a totalidade das operacións económicas levadas a cabo durante o exercicio pola Administración e os seus entes dependentes. Porén, non todas as entidades controladas pola Administración autonómica integran os seus estados contables na Conta Xeral. Deste xeito, a rendición das contas ao Consello fíxose a través de dous medios:

  • A Conta Xeral rendida por conduto da Intervención Xeral antes do 30 de setembro.
  • As contas individuais das restantes entidades que son remitidas directamente por estas ao Consello de Contas, sendo o prazo límite de rendición o 30 de xullo.