Simón Rego Vilar toma posesión como novo conselleiro do Consello de Contas e asume a área de fiscalización de institucional

Hoxe Simón Rego Vilar tomou posesión perante a Mesa do Parlamento de Galicia como conselleiro de contas.

Nacido en Burela (1977), Simón Rego é funcionario do Corpo Superior de Administradores Civís do Estado, especialidade xurídica. É licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Xestión Pública pola Universitat Pompeu Fabra-Universitat Autònoma de Barcelona-ESADE e Especialista Universitario en Administración Local pola Universidade de Santiago de Compostela.

Ao longo da súa traxectoria profesional desempeñou diversos postos de traballo, nomeadamente vinculados á xestión de fondos europeos, tanto no ámbito da Administración Xeral do Estado (xefe de servizo de competencias na subdirección xeral de Asuntos Xurídicos da Secretaria de Estado para a Unión Europea do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, Xefe de Área da División de Consultoría da Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Administracións Públicas), como na Xunta de Galicia (secretario xeral do Organismo Pagador dos Fondos Europeos Agrícolas en Galicia, xerente  da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, así como na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).

Tamén tivo responsabilidades na administración local, concretamente no departamento de xestión de recursos humanos do Concello da Coruña.

Por acordo do pleno de hoxe foi adscrito á área de Institucional, sendo polo tanto o conselleiro responsable das actuacións de fiscalización e de prevención da corrupción que se levan a cabo no sector público institucional autonómico.