A revista "Auditoría Pública" edita un número especial no seu XXV aniversario

A revista "Auditoría Pública", o órgano de expresión dos tribunais autonómicos de contas, cumpriu 25 anos desde a súa creación na primavera de 1995. Con este motivo, a primeira publicación dedicada á materia editou un número especial que recompila os artigos galardoados co premio que organiza anualmente desde 1997. Trátase dunha valiosa selección de traballos que interesará a todos os profesionais relacionados coa auditoría e a contabilidade.

Este exemplar especial pódese visitar na dirección: "https://publicaciones.4tintas.es/asocex/xxvaniversario/index.html"

O número inclúe tamén as colaboracións de Asun Olaechea, presidenta de Asocex (Asociación de Órganos de Control Externo Autonómicos); Antonio López, presidente da Cámara de Contas de Andalucía, institución encargada da dirección da revista; e as dos tres directores que tivo a publicación.

O número especial do XXV aniversario ofrece unha boa ocasión para repasar a evolución da auditoría pública nestes últimos anos, as inquedanzas e retos dos profesionais dedicados a ese labor. Ofrécense análises dun amplo abanico de materias. Así, entre as colaboracións que mereceron o galardón da revista, o lector atopará artigos sobre contabilidade, estatística, informática, fraude administrativa, custos, urbanismo, estabilidade orzamentaria, indicadores de xestión, retos da fiscalización pública…

A pluralidade tamén se constata nos seus autores, xa que podemos ler traballos de profesionais dos tribunais de contas, técnicos das administracións públicas, docentes e investigadores das universidades e de profesionais do ámbito privado.

E é que a nosa foi, desde o seu comezo, unha publicación aberta á participación non só dos técnicos das nosas institucións, senón tamén doutros profesionais interesados na materia. Este feito, verificable no número que presentamos, fixo máis interesante a oferta de contidos e enriqueceunos a todos, ofrecéndonos diferentes perspectivas sobre o control da xestión pública.

As institucións de control externo teñen a importante misión de dar luz sobre as contas públicas, analizar a xestión das administracións e impulsar a transparencia, eficiencia e eficacia no manexo dos fondos públicos. Un labor crave en calquera sistema democrático, que esixe actuar con independencia e profesionalidade, bases da credibilidade dos tribunais de contas.

Merece a pena, por tanto, coidar a formación dos técnicos, promovendo a reflexión, a análise e o intercambio de experiencias. Con ese fin xurdiu "Auditoría Pública" hai agora 25 anos, unha publicación consolidada e de referencia para os profesionais interesados na materia. Nestas dúas longas décadas, fomos testemuñas de grandes cambios que transformaron a xestión das nosas administracións públicas e o control da devandita xestión.

O XXV aniversario desta publicación coincide coa etapa máis convulsa das últimas décadas. A crise da COVID-19, coas súas graves consecuencias sanitarias, económicas e sociais, puxo a proba a solidez das nosas institucións públicas, a súa capacidade para responder a unha emerxencia que ninguén previra.