Reunión das Comisións da Plataforma de Rendición de Contas das Entidades Locais e de Coordinación no ámbito local do Tribunal de Cuentas e os Órganos de Control Externo

O 22 de outubro tiveron lugar en Madrid as reunións semestrais das Comisións da Plataforma de Rendición de Contas das Entidades Locais e de Coordinación no ámbito local do Tribunal de Cuentas e os Órganos de Control Externo, ás que asistiu en representación do Consello de Contas, a Conselleira da área de Local, Begoña Villaverde.

Na reunión da primeira Comisión, ademais de informar sobre as actuacións realizadas na Plataforma de Rendición de Contas das Entidades Locais durante os últimos meses, abordáronse cuestións relativas aos desenvolvementos técnicos de futuro da referida Plataforma, que utilizan conxuntamente o Tribunal de Cuentas e a maioría dos OCEX. 

As principais novidades previstas para incorporar proximamente á Plataforma de Rendición de Contas están orientadas á mellora da información dispoñible, así como da súa explotación, especialmente a relativa á contratación pública. Tamén se expuxeron melloras técnicas no sistema de notificacións telemáticas, uso da firma electrónica e, en xeral, aqueles avances que permita a implantación da administración electrónica en España.

Por outra banda, na reunión celebrada pola Comisión de Coordinación no ámbito local, na que participan o Tribunal de Cuentas e a totalidade dos OCEX, centrou a súa atención nas actuacións de fiscalización que se realizan de maneira coordinada entre as Institucións de Control Externo e, en particular, sobre a fiscalización das actuacións en materia ambiental levadas a cabo polos concellos de máis de 10.000 habitantes, analizándose o seu estado de situación e os próximos avances na mesma.

Así mesmo, expuxéronse as actuacións dirixidas á elaboración dos Programas de Fiscalización ou Plans de Actuación para o exercicio 2019, tanto por parte do Tribunal de Cuentas como polos  OCEX, incluíndo a posibilidade de levar a cabo unha nova fiscalización coordinada referida a todo o ámbito nacional.

Finalmente, analizáronse as cuestións correspondentes ao desenvolvemento dos plans de actuacións para promover a rendición de contas por parte das entidades locais, así como a remisión obrigatoria da información sobre contratación, convenios e de acordos contrarios a reparos da Intervención local, expedientes con omisión do trámite de fiscalización previa e anomalías en materia de ingresos. En especial, informouse da situación dos requirimentos  conminatorios emitidos polo Tribunal de Cuentas a Presidentes de entidades locais que non rendesen as contas dos últimos exercicios, que poden levar, no seu caso, á imposición de multas  coercitivas para impulsar o cumprimento da devandita obrigación de rendición.