Reunión da Comisión de Coordinación no ámbito local do Tribunal de Cuentas e os Órganos de Control Externo

A Comisión de Coordinación no ámbito local do Tribunal de Cuentas e os Órganos de Control Externo das comunidades autónomas (OCEX), reuniuse onte en Alacante, organizada pola Sindicatura de Comptes da Comunitat Valenciana e presidida polo Conselleiro do Departamento de Entidades Locais da Sección de Fiscalización do Tribunal de Cuentas, na que se abordaron distintas actuacións encamiñadas a reforzar a colaboración na fiscalización e o control do sector público local.

En especial, púxose en común o estado de situación das fiscalizacións que se están levando a cabo de maneira coordinada entre o Tribunal de Cuentas e os OCEX, que se concretan na “Fiscalización das actuacións en materia ambiental levadas a cabo por concellos de máis de 10.000 habitantes”, que se atopa en proceso de realización, e a “Fiscalización dos expedientes de recoñecementos extraxudiciais de crédito aprobados polas entidades locais no exercicio 2018”, cuxa iniciación se acordou no presente exercicio.

Adicionalmente, as Institucións de Control de Externo analizaron diversas cuestións derivadas da entrada en vigor do Real Decreto 424/2017, do 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno nas entidades do sector público local, que levarán á aprobación de novas Instrucións sobre remisión de información relativa ao exercicio do control interno das entidades locais, así como á introdución, dentro da Plataforma de Rendición de Contas das entidades locais, dun novo módulo específico en materia de control interno.

Tamén se debateu sobre a próxima renovación dos convenios de colaboración bilaterais no ámbito local entre o Tribunal de Contas e os seguintes OCEX: Sindicatura de Comptes da Comunitade Valenciana, Audiencia de Cuentas de Canarias, Sindicatura de Cuentas das Illas Baleares e Sindicatura de Cuentas do Principado de Asturias.

Finalmente, tratáronse cuestións relativas á adopción de medidas para a mellora da rendición de contas e de remisión doutra información obrigatoria por parte das entidades do sector público local, en especial, mediante a formulación de requirimentos conminatorios e, no seu caso, a imposición de multas coercitivas aos responsables das entidades locais que incumprisen as súas obrigacións de rendición.