Reunión da Comisión de Coordinación do Tribunal de Cuentas e os Órganos de Control Externo

Onte, na sede do Tribunal de Cuentas, tivo lugar a reunión ordinaria da Comisión de Coordinación dos presidentes do Tribunal de Cuentas e dos Órganos de Control Externo das comunidades autónomas (OCEx).

Durante este encontro, os responsables das Institucións de Control Externo abordaron diversas cuestións de interese común relativas ao control da actividade económico-financeira do sector público español.

Entre outros aspectos, fíxose unha aproximación aos posibles contidos dos respectivos programas anuais de fiscalización para 2019, para favorecer un mellor control da xestión económico-financeira do sector público, aproveitando as posibles sinerxias e contribuíndo a achegar maior coherencia ao control a nivel global.

Tamén se destacaron os resultados derivados da execución dos programas de actuación que se están desenvolvendo para promover a rendición de contas das entidades locais, manifestando os Presidentes a súa preocupación pola xeneralizada redución dos niveis de rendición en prazo en relación coas contas do exercicio 2017 e a necesidade de que se adopten medidas para activala. Conseguir a plena rendición constitúe unha prioridade para as institucións fiscalizadoras, sendo así que se trata, non só dunha obrigación legal, senón dun deber básico para facer efectiva a necesaria transparencia da xestión e posibilitar o control, constituíndo a súa omisión un déficit democrático.

Así mesmo foi obxecto de análise a cooperación das Institucións de Control Externo mediante o impulso do foro permanente creado para promover a transferencia de coñecementos e a innovación no ámbito das Tecnoloxías da Información, o deseño de estratexias conxuntas a medio e longo prazo e o desenvolvemento de vías de colaboración neste ámbito da administración electrónica, a implantación de ferramentas electrónicas que permitan axilizar os procedementos e a colaboración na asistencia e na formación de ferramentas informáticas.