Reunión da Comisión da Plataforma de Rendición de Contas das Entidades Locais do Tribunal de Cuentas e os Órganos de Control Externo

O pasado 7 de xuño, a Comisión da Plataforma de Rendición de Contas das Entidades Locais, na que participan o Tribunal de Cuentas e a maioría dos Órganos de Control Externo das comunidades autónomas (OCEX), celebrou unha reunión en Alacante, organizada pola  Sindicatura de  Comptes da  Comunitade Valenciana e presidida polo Conselleiro do Departamento de Entidades Locais da Sección de Fiscalización do Tribunal de Cuentas, na que se analizaron as iniciativas que están en marcha e aquelas que se abordarán no futuro para a mellora da referida Plataforma.

No curso da reunión presentáronse as principais actuacións levadas a cabo nos últimos meses na Plataforma, así como no Portal de Rendición de Contas (www.rendiciondecuentas.es), instrumento que proporciona aos cidadáns unha maior transparencia das contas e da xestión das entidades locais.

Entre as iniciativas en curso atópanse as relativas a futuros desenvolvementos técnicos da Plataforma, como a realización de notificacións telemáticas, o uso da firma electrónica e, en xeral, aqueles avances derivados da implantación da administración electrónica en España.

Tamén se tratou a futura implantación dun módulo específico en materia de control interno, que se adaptará ás novidades producidas neste ámbito, como consecuencia da entrada en vigor do Real Decreto 424/2017, do 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno nas entidades do sector público local.

Entre as devanditas novidades destacan as relativas á maior información sobre a estrutura do órgano de Intervención e o sistema de control interno das entidades locais; os resultados derivados das súas actuacións de control, tanto de fiscalización previa como de control financeiro; e a comunicación ao Tribunal de Cuentas de feitos constitutivos de presuntas responsabilidades contables.

Por último, analizáronse próximas melloras en materia de rendición de contas, de remisión da información obrigatoria en materia de contratación das entidades locais e de explotación da información dispoñible na Plataforma.