Vostede está aquí

Órganos

Composición do Consello de Contas

A composición orgánica do Consello de Contas foi establecida polo artigo 6 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, modificada pola Lei 8/2015, do 7 de agosto. Son órganos da Institución:

  • O Pleno
  • O conselleiro maior
  • A Comisión de Goberno
  • As Seccións: Sección de Fiscalización, Sección de Axuizamento e Sección de Prevención da Corrupción
  • Os conselleiros e conselleiras
  • A Secretaría Xeral

Pleno do Consello de Contas de Galicia

Ao Pleno atribúenselle competencias en materia de fiscalización, axuizamento e prevención da corrupción xunto con outras de réxime interno como: o nomeamento dos presidentes destas seccións (salvo a Sección de Prevención da Corrupción), o nomeamento do titular da Secretaría Xeral, a aprobación do plan anual de traballo, a memoria de actividades ou a relación de postos de traballo.

A continuación detállase a súa composición.

Conselleiro maior

  • José Antonio Redondo López

Conselleiros/as

  • Mª Begoña Villaverde Gómez
  • Ana Mª Otero López
  • Beatriz Rodríguez Fraga
  • Constantino Carreiras Souto

Secretaria xeral

  • María Luisa Cardesín Díaz

Conselleiro maior

O Conselleiro maior representa ao Consello de Contas; convoca e preside o Pleno, a Comisión de Goberno e a Sección de Prevención da Corrupción. Correspóndelle, entre outras atribucións, a xefatura superior do persoal e autorizar as adquisicións de bens e contratacións necesarias para o bo funcionamento do Consello e as demais funcións de carácter interno non atribuídas a outros órganos.

Comisión de Goberno

A Comisión de Goberno está constituída polo conselleiro maior e os conselleiros presidentes das seccións, asistidos polo secretario xeral. Correspóndelle entre outras as funcións relativas ao nomeamento e a contratación do persoal, goberno e administración.

Seccións

A Sección de Fiscalización, a Sección de Axuizamento e a Sección de Prevención da Corrupción, como órganos de goberno do Consello de Contas de Galicia, están integradas polos presidentes respectivos e polos conselleiros que ás mesmas adscriba o Pleno. Os presidentes serán designados polo Pleno por un período de tres anos e poderán ser reelixidos, agás o da Seccion de Prevención que será o conselleiro ou conselleira maior.

Sección de Fiscalización

Correspóndelle á Sección de Fiscalización verificar a contabilidade das entidades do sector público da Comunidade Autónoma, examinar e comprobar as súas contas, velando pola súa adecuación ao ordenamento xurídico e aos principios de racionalidade, eficacia, eficiencia e economía. Aproba os procedementos fiscalizadores tramitados nos distintos departamentos en que se estrutura e propón ao Pleno as cuestións que corresponda elevar ao Parlamento de Galicia.

Sección de Axuizamento

Correspóndelle á Sección de Axuizamento asumir as funcións que nos procedementos xurisdicionais e de axuizamento das responsabilidades contables lle delegue o Tribunal de Cuentas, e practicar cantas dilixencias e comprobacións sexan pertinentes nesta materia.

Sección de Prevención da Corrupción

Correspóndelle á Sección de Prevención da Corrupción o exercicio das funcións que nesta materia a lei atribúe ao Consello de Contas: colaborar coas Administracións suxeitas ao seu ámbito de actuación, propoñendo a implantación de sistemas de prevención e a elaboración de manuais de xestión de riscos da corrupción, comprobar os sistemas de prevención que se poñan en marcha, asesorar sobre os instrumentos normativos máis axeitados para previr a corrupción e fomentar na sociedade civil e, particularmente, no ámbito empresarial a transparencia e o comportamento ético nas súas relacións co sector público.

Actuará presidida polo conselleiro ou conselleira maior e asistida polo persoal do Consello de Contas. A Sección elaborará un programa anual de actividades que elevará ao Pleno para a súa integración no plan de traballo do Consello de Contas.

Conselleiros ou conselleiras

Correspóndelles aos conselleiros/as dirixir e impulsar a actividade fiscalizadora correspondente ao departamento sectorial ao que fosen adscritos polo Pleno do Consello e do que son responsables.

Secretaría Xeral

Corresponde á Secretaría Xeral asesorar e asistir aos restantes órganos do Consello, exercer as funcións conducentes ao adecuado desenvolvemento das competencias gobernativas do Pleno, da Comisión de Goberno e do conselleiro/a maior en todo o relativo ao réxime interior do Consello de Contas; redactar as actas das sesións do Pleno, da Comisión de Goberno e das seccións, expedir certificacións das actas, dos acordos e dos documentos confiados á súa custodia, e exercer, por delegación do conselleiro ou conselleira maior, a xefatura directa e a xestión do persoal do Consello de Contas.