O Consello de Contas recibe ao Fiscal Superior da Comunidade Autónoma de Galicia

Na reunión celebrada o 9 de outubro co fiscal D. Fernando Suanzes Pérez na sede do Consello de Contas abordáronse os posibles ámbitos de colaboración das dúas Institucións en materia de prevención da corrupción.

Os conselleiros das distintas áreas de fiscalización presentaron ao fiscal as liñas de actuación que nesta materia está a desenvolver o Consello de Contas seguindo as previsións do Plan de Traballo de 2017.

A Lei 8/2015, do 7 de agosto, de reforma da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, atribúe ao Consello de Contas novas competencias para a prevención da corrupción. A Comisión Permanente non Lexislativa para as Relacións con Consello de Contas do Parlamento de Galicia na súa sesión do día 27 de abril de 2017, instou ao Consello de Contas para que establecera, dentro do Programa de actividades de prevención da corrupción, as necesarias medidas de cooperación coa Fiscalía Superior de Galicia co obxecto de permitir unha persecución integral das prácticas corruptas no ámbito público autonómico.