O Consello de Contas e a Xunta de Galicia asinan un protocolo de colaboración para a prevención e loita contra a corrupción

O Conselleiro Maior, José Antonio Redondo, e o Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para o establecemento de mecanismos efectivos para a prevención e a loita contra a corrupción no sector público autonómico de Galicia.

Dentro das novas competencias atribuídas ao Consello de Contas en materia de prevención de corrupción prevese a promoción de instrumentos de colaboración cos órganos da Administración autonómica con competencias en materia de transparencia, co obxecto de promover mecanismos de autorregulación na implantación, control e seguimento dos plans de prevención de riscos da corrupción no sector público autonómico e local de Galicia.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia ten iniciado unha política de transparencia co aprobación en 2016 da Lei de transparencia e bo goberno, que constitúe un elemento central na loita contra a corrupción.

O protocolo de colaboración ten por obxecto eliminar ou minimizar os riscos de corrupción tanto na Administración xeral como nas entidades instrumentais do sector público autonómico, a través das seguintes áreas de actuación:

1. Promoción de políticas de integridade: A Xunta e o Consello de Contas colaborarán na propagación dunha cultura da transparencia e comportamento ético nos sectores público e privado, así como na difusión de conceptos esenciais en materia de control interno, administración de riscos e fomento da integridade institucional.

2. Implantación de instrumentos de prevención de riscos de corrupción: Ambas institucións colaborarán proactivamente para que tódalas entidades que integran o sector público autonómico establezan políticas de integridade institucional e conten cun programa de prevención de riscos de corrupción que estableza esa política de integridade, unha identificación e valoración de riscos, e o establecemento de medidas correctivas para o seu tratamento.

A Administración autonómica implantará progresivamente unha política centralizada de integridade institucional e de prevención da corrupción e impulsará o fortalecemento de sistemas de control interno que produzan un efecto disuasorio de actuacións inadecuadas e a administración e análise de riscos que afecten ao cumprimento de obxectivos da organización, incluídos os de integridade institucional.

3. Avaliación dos sistemas de prevención: O Consello de Contas elaborará un diagnóstico do estado e situación dos sistemas de control interno e de prevención de riscos de corrupción da Administración de acordo coa metodoloxía e cuestionarios propostos polo Consello de Contas. As entidades afectadas colaborarán co Consello achegando tódolos medios e a información necesaria que requira a execución deste traballo.

4. Elaboración de modelos tipo de plans de prevención e de instrumentos normativos de prevención: O Consello de Contas elaborará modelos tipo de plans de prevención, que estarán a disposición das entidades públicas, e desenvolverá actuacións de acompañamento na implantación dos plans de prevención de riscos de corrupción.

Ambas institucións colaborarán co obxectivo de que a normativa administrativa nas materias máis susceptibles de corrupción conteña uns principios preventivos básicos que poidan ser concretados por cada entidade nos respectivos plans de prevención da corrupción.

5. Seguimento de recomendacións e avaliación sistemática de plans: O Consello de Contas presentará o estado de implantación das recomendacións e medidas propostas por este en materia de prevención da corrupción, así como da avaliación sistemática que realice dos plans, para os efectos do seu seguimento e adopción, no seu caso, das medidas que se consideren oportunas.

6. Formación dos empregados públicos en materia de prevención da corrupción: A Xunta e o Consello de Contas establecerán unha canle de información mutua neste ámbito e organizarán conxuntamente actividades formativas que permitan aos empregados públicos a mellora de coñecementos nos ámbitos da ética, a integridade e o control da corrupción.