O Consello de Contas e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) asinan un protocolo de colaboración para a prevención da corrupción

O conselleiro maior, José Antonio Redondo, e o presidente da Fegamp, Alfredo L. García Rodríguez, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a prevención da corrupción no ámbito do sector público local da Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro das novas competencias atribuídas ao Consello de Contas en materia de prevención da corrupción prevese a promoción de instrumentos de colaboración cos órganos da Administración autonómica con competencias en materia de transparencia, co obxecto de promover mecanismos de autorregulación na implantación, control e seguimento dos plans de prevención de riscos da corrupción no sector público autonómico e local de Galicia.

Por outra banda, a Fegamp asumiu, no seu Plan de transparencia e bo goberno para entidades locais, aprobado o 18 de maio de 2015, o compromiso firme de adoptar políticas de transparencia que complementen as previsións da lexislación estatal na materia e que sirvan como instrumento que facilite a aplicación das súas esixencias para as entidades locais. Así mesmo, comprométese a impulsar políticas de integridade e de prevención da corrupción como elementos estratéxicos para unha xestión pública responsable das corporacións locais galegas.

Este protocolo súmanse aos asinados coa Xunta de Galicia (a través da Vicepresidencia e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional), a Fiscalía de Galicia e as catro Deputacións Provinciais en materia de prevención de corrupción.

O protocolo ten por obxecto a colaboración das institucións nos seguintes ámbitos de actuación:

1. Promoción de políticas de integridade. As institucións asinantes comprométense a colaborar na propagación dunha cultura da transparencia e comportamento ético nos sectores público e privado así como na difusión de conceptos esenciais en materia de control interno, administración de riscos e fomento da integridade institucional.

2. Fomento de instrumentos de prevención de riscos de corrupción. As institucións asinantes fomentarán que tódalas entidades que integran o sector público local establezan políticas de prevención de riscos de corrupción e conten cun plan estratéxico que oriente os esforzos das entidades cara a consecución dos seus obxectivos de xestión e ao cumprimento normativo, así como cun plan de prevención da corrupción que permita a identificación e valoración dos riscos asociados aos obxectivos anteriores, e o establecemento de medidas correctivas para o seu tratamento.

3. Elaboración de modelos tipo de plans de prevención. O Consello de Contas elaborará modelos tipo de plans de prevención, que estarán a disposición das entidades locais, e desenvolverá actuacións de acompañamento na implantación dos plans de prevención de riscos da corrupción.

4. Formación dos empregados públicos en materia de prevención da corrupción. As entidades asinantes establecerán unha canle de información mutua neste ámbito e, se é o caso, organizarán conxuntamente actividades formativas que permitan aos servidores públicos a adquisición de coñecementos nos ámbitos da ética, a integridade pública e o control da corrupción.