O Consello de Contas e a Consellería de Educación colaborarán para fomentar a cultura da integridade e o comportamento ético do alumnado

O conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, asinaron hoxe un convenio de colaboración para concienciar e sensibilizar o alumnado na cultura da integridade. O obxectivo é formar os estudantes na necesidade de adoptar un comportamento e valores éticos, dado que é na idade escolar onde se poden aplicar estratexias máis efectivas neste sentido. Ao tempo, favorécese o desenvolvemento das competencias clave relacionadas coa cidadanía activa e responsable, así como o fortalecemento dos valores democráticos europeos.

O convenio desenvolverase a través da elaboración dunha unidade didáctica sobre a cultura da integridade e o comportamento ético da sociedade civil nas súas relacións cos poderes públicos, que se incluirá nas materias de Valores Democráticos Europeos (1º e 2º de ESO),  Economía (4º de ESO), Economía (1º de Bacharelato) e Economía da Empresa (2º de Bacharelato). Os centros educativos comezarán a traballar con esta unidade no curso 2019/20.

A unidade didáctica será elaborada polo Consello de Contas baixo a tutela didáctica de profesionais da Consellería. Incluirá unha guía completa con mención expresa á súa integración curricular así como material para a formación do profesorado, tanto na implantación das unidades didácticas como naqueles outros aspectos de carácter transversal relativos ao comportamento ético, a integridade e a prevención educativa. Será a Rede de Formación do Profesorado a que asuma a organización das correspondentes accións formativas no relativo á inscrición e certificación dos docentes ou a difusión das boas prácticas, entre outros aspectos.

De forma complementaria, o Consello de Contas ten previsto impulsar un certame literario sobre algunha materia contida no acordo. As bases da súa convocatoria serán aprobadas polo Consello de Contas.