O Consello de Contas e as catro deputacións provinciais asinan senllos protocolos de colaboración para a prevención da corrupción

Hoxe, o conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo, e representantes das catro Deputacións Provinciais asinaron senllos protocolos de colaboración para a prevención da corrupción no ámbito do sector público local da Comunidade Autónoma de Galicia. Por parte das organizacións provinciais asistiron o presidente da Deputación Provincial de A Coruña, Valentín González Formoso; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde; o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Luís Fernández Fernández, e o deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior e Cooperación Municipal da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font.

Dentro das novas competencias atribuídas ao Consello de Contas en materia de prevención de corrupción prevese a promoción de instrumentos de colaboración cos órganos da Administración autonómica con competencias en materia de transparencia, co obxecto de promover mecanismos de autorregulación na implantación, control e seguimento dos plans de prevención de riscos da corrupción no sector público autonómico e local de Galicia.

Por outra banda, as catro Deputacións Provinciais teñen o firme compromiso de impulsar políticas de integridade e de prevención da corrupción como elementos estratéxicos para unha xestión pública responsable das corporacións locais galegas, para dar resposta á crecente preocupación social pola corrupción e co convencemento de que a transparencia na xestión é unha necesidade para reforzar a eficiencia das Administracións.

Estes protocolos súmanse ao asinados o ano pasado coa Xunta de Galicia (a través da Vicepresidencia e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional) e a Fiscalía de Galicia en materia de prevención de corrupción.

Os protocolos teñen por obxecto a colaboración das institucións nos seguintes ámbitos de actuación:

1. Promoción de políticas de integridade. As institucións asinantes comprométense a colaborar na propagación dunha cultura da transparencia e comportamento ético nos sectores público e privado así como na difusión de conceptos esenciais en materia de control interno, administración de riscos e fomento da integridade institucional.

2. Fomento de instrumentos de prevención de riscos de corrupción. As institucións asinantes fomentarán que tódalas entidades que integran o sector público local establezan políticas de prevención de riscos de corrupción e conten cun plan estratéxico que oriente os esforzos das entidades cara a consecución dos seus obxectivos de xestión e ao cumprimento normativo, así como cun plan de prevención da corrupción que permita a identificación e valoración dos riscos asociados aos obxectivos anteriores, e o establecemento de medidas correctivas para o seu tratamento.

3. Avaliación dos sistemas de prevención. O Consello de Contas elaborará un diagnóstico do estado e situación dos sistemas de control interno e de prevención de riscos de corrupción das Deputacións provinciais que prestarán a súa colaboración achegando tódolos medios e a información necesaria que requira a execución deste traballo.

4. Elaboración de modelos tipo de plans de prevención. O Consello de Contas elaborará modelos tipo de plans de prevención, que estarán a disposición das entidades locais, e desenvolverá actuacións de acompañamento na implantación dos plans de prevención de riscos da corrupción.

5. Formación dos empregados públicos en materia de prevención da corrupción. As entidades asinantes establecerán unha canle de información mutua neste ámbito e, se é o caso, organizarán conxuntamente actividades formativas que permitan aos servidores públicos a adquisición de coñecementos nos ámbitos da ética, a integridade pública e o control da corrupción.