O Consello de Contas acolle a reunión da Comisión de Coordinación do Tribunal de Contas e os Órganos de Control Externo

Hoxe tivo lugar no  Consello de Contas de Galicia unha reunión da Comisión de Coordinación de Comunidades Autónomas do Tribunal de Cuentas e os Órganos de Control Externo, co obxecto de impulsar a colaboración mutua na súa labor de fiscalización da xestión económico financeira do sector público autonómico.

Na devandita reunión examináronse os informes aprobados por todas as institucións de control externo relativos á fiscalización efectuada conxuntamente sobre os procesos de extinción de entidades dependentes das Comunidades Autónomas como consecuencia da reestruturación do sector público, estando prevista a elaboración dun informe global que recolla os resultados máis relevantes.

Así mesmo, informouse e debateuse sobre os traballos que se están desenvolvendo conxuntamente para a fiscalización da aplicación polas Comunidades Autónomas da Lei de dependencia e acordouse examinar de maneira igualmente coordinada a implantación da contabilidade analítica nas universidades públicas.

Esta Comisión contribúe a poñer en común os traballos desenvoltos polas  institucións de control externo, a xuntar criterios e a fortalecer a coordinación das actuacións fiscalizadoras sobre as administracións autonómicas así como a colaboración entre todas as institucións encargadas do control externo. Coas reunións desta Comisión constátase que os traballos realizados coordinadamente polas institucións de control externo teñen aportado notables melloras na xestión das administracións públicas.