O Conselleiro Maior compareceu no Parlamento de Galicia para presentar o proxecto de orzamentos do Consello de Contas para o ano 2019.

O Conselleiro Maior compareceu hoxe na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos para explicar as liñas básicas do orzamento do Consello de Contas para o ano 2019.

Trátase dun orzamento de case 7,3 millóns de euros, que se incrementa un 2,98% con respecto ao ano 2018. O maior incremento se produce no capítulo I dedicado a gastos de persoal, que representa o 75% do orzamento total.

Un dos aspectos a destacar é a previsión no documento orzamentario dunha partida específica para dotar a convocatoria do premio de investigación “Carlos G. Otero Díaz”, primeiro Conselleiro Maior da Institución, dende o ano 1991 ata 1996, e verdadeiro impulsor e valedor da actividade do Consello de Contas.

Así mesmo, no marco dun convenio de colaboración que se vai asinar nas próximas datas coa Consellería  de Educación, Universidade e Formación Profesional para a formación e sensibilización en materia de integridade e comportamento ético, o orzamento contempla unha asignación para un certame literario dirixido ao alumnado da ESO e bacharelato.