Vostede está aquí

Funcións

Fiscalización

A función fiscalizadora do Consello de Contas ten por obxecto comprobar o efectivo sometemento da actividade económica, financeira e contable do sector público autonómico de Galicia ao ordenamento xurídico e ao principio de racionalidade, determinada por criterios de eficiencia e economía. Exércese en relación con todos aqueles actos que dean lugar ao recoñecemento de dereitos e obrigas de contido económico, así como cos ingresos e gastos que deles se deriven e, en xeral, cos relativos á recadación, investimentos ou aplicación dos fondos públicos e a súa adecuación á consecución dos obxectivos previstos.

Despois da última reforma normativa de 2015, esta función esténdese á fiscalización da evolución dos bens patrimoniais das persoas que ocupan altos cargos no sector público autonómico.

A función fiscalizadora concrétase principalmente na elaboración de informes de fiscalización, que se envían ao Parlamento de Galicia e aos entes fiscalizados. Os informes conteñen as observacións e recomendacións derivadas da verificación da actividade económico-financeira obxecto de control, de acordo coas técnicas e procedementos de auditoría pública. Cando o Pleno do Consello, como resultado da súa actividade fiscalizadora, aprecie a existencia de indicios de responsabilidades, debe facelo constar no informe e trasladar a información relativa a estas actuacións á instancia pertinente, e comunicalo ao Parlamento e ao ente fiscalizado.

Funcións en materia de prevención da corrupción

No exercicio da función da prevención da corrupción, o Consello de Contas asume a competencia de colaborar coas Administracións suxeitas ao seu ámbito de actuación con propostas na elaboración de códigos de conduta e manuais internos de xestión de riscos, a comprobación e axeitado deseño dos sistemas e plans de prevención que se poñan en marcha, o asesoramento ao Parlamento e ás Administracións públicas sobre os instrumentos normativos máis axeitados para previr a corrupción e o fomento na sociedade civil e, particularmente, no ámbito empresarial da transparencia e o comportamento ético nas súas relacións co sector público.

Función consultiva

A función consultiva concrétase na emisión de ditames e contestacións a consultas en materia de contabilidade pública e xestión económico-financiera solicitados polas institucións públicas  e entidades previstas na lei; ás consultas solicitadas polo Parlamento sobre os orzamentos da Comunidade Autónoma e a súa execución e liquidación, e a aquelas solicitadas tanto polo Parlamento como pola Xunta sobre proxectos normativos que afecten aos ingresos e gastos públicos.

Abarca tamén a emisión de informes que solicite a consellería competente en materia de facendas locais para resolver as discrepancias que lle sexan elevadas a este órgano polas persoas que ocupen a presidencia das entidades locais a través do procedemento regulado na normativa do Estado.

Por último, a emisión de informes sobre as proposicións de lei e os anteproxectos de lei que versen sobre o seu réxime xurídico ou sobre o exercicio das propias funcións do Consello.

Actuacións delegadas polo Tribunal de Cuentas

O Consello de Contas pode actuar por delegación do Tribunal de Cuentas, tanto en materia de fiscalización como na realización de actuacións previas á esixencia de responsabilidades contables, tramitando os procedementos correspondentes. Estes teñen como finalidade investigar a existencia de incumprimentos polos responsables do manexo de caudais ou efectos públicos que, por dolo, culpa ou neglixencia grave e con actuacións contrarias á normativa contable ou orzamentaria, provoquen un prexuízo económico cuantificable e certo ás entidades que compoñen o sector público. No caso de producirse esa delegación, unha vez finalizados estes procedementos o Consello trasládaos ao Tribunal de Cuentas, que é o órgano competente para axuizar a responsabilidade contable.