Falece dona Beatriz Rodríguez Fraga, Conselleira responsable da área de Institucional do Consello de Contas

O pasado martes faleceu dona Beatriz Rodríguez Fraga, Conselleira responsable da área de Institucional do Consello de Contas dende o ano 2016.

Nacida na cidade de Ferrol en 1963, era licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria de carreira do Corpo superior da Administración Xeral da Xunta de Galicia dende 1993.

Ao longo da súa vida profesional desempeñou diversos postos na Administración, destacando os de vicesecretaria xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, subdirectora xeral de Recursos Humanos e Coordinación Administrativa na Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, letrada asesora na Universidade de A Coruña e letrada no Consello Consultivo de Galicia.

Na súa etapa como Conselleira da área de Institucional foi poñente de numerosos informes de fiscalización e participou activamente na implantación da administración electrónica no Consello de Contas, liderando o grupo de traballo encargado do seu deseño.