Fállase o premio da revista “Auditoría Pública” no seu XXV Aniversario.

Lorenzo Pérez Sarrión, secretario xeral da Sindicatura de Comptes da Comunitade Valenciana, logra o primeiro premio de revista "Auditoría Pública", editada pola Asociación de Órganos de Control Externo Autonómicos (Asocex), na súa XXII edición, correspondente ao ano 2019. O fallo deste premio coincide, ademais, coa celebración do XXV aniversario de "Auditoría Pública". Pérez Sarrión foi recoñecido polo artigo titulado "Estrategia de implantación de la administración eléctrónica en un órgano de control externo (OCEX): No hablamos solo de tecnología", publicado no número 74 da revista. O premio ten unha dotación económica bruta de 4.000 euros.

O consello editorial da revista valora, por unanimidade, que o tamén Letrado da Generalitat Valenciana reflexa "de maneira amena e didáctica a obrigación dos OCEX de implantar no seu seo a administración electrónica, tanto nos seus procesos internos como na relación coas entidades fiscalizadas". "O autor expón a necesidade de redefinir os procedementos de auditoría e fiscalización nunha contorna dixitalizada. O concepto de rendición de contas, os papeis de traballo, as mostras, etcétera, adquiren outro significado e dimensión, polo que é preciso afrontar todas estas cuestións desde unha nova óptica da modernización", destacan os membros do consello. Finalmente, co premio quíxose resaltar tamén "o acerto amosado no tratamento dun asunto da máxima actualidade, a claridade das súas exposicións e a riqueza de detalles na localización das súas reflexións no ámbito dos OCEX".

O consello editorial, ademais, concedeu un accésit compartido para os artigos "Algunos aspectos relevantes de la doctrina sobre contratación pública contenida en los informes de fiscalización de las instituciones de control externo", de Alejandro Teré Pérez, auditor e coordinador do departamento de corporacións locais da Cámara de Cuentas de Andalucía (publicado no número 73 da revista), e "Presente y futuro del control interno en las administraciones públicas", de Miguel Miaja Fol, interventor e auditor do Estado (publicado no número 74). Cada galardoado recibirá un premio de 1.000 euros.

A entrega do premio e dos dous accésits realizarase proximamente. A crise sanitaria provocada polo COVID-19 obrigou a pospoñer a celebración.