O Conselleiro Maior acudiu onte á Conferencia de Presidentes de ASOCEX, que se reuniu na sede da Cámara de Cuentas de Madrid, baixo a presidencia da Cámara de Comptos de Navarra, ao obxecto de seguir profundando na súa colaboración.
Ao longo desta xornada de traballo, os presidentes mostraron a súa preocupación polas necesidades de formación especializada do persoal dos órganos de control externo, valorando o desenvolvemento do curso sobre “Avaliación de Políticas e programas públicos”, que está en marcha desde setembro, así como analizando a posibilidade de elaborar programas de intercambio e estancias temporais do persoal de fiscalización entre os distintos OCEX. Por outra banda, elixiuse o OCEX responsable para a celebración dos próximos Encontros Técnicos, que será o Consello de Contas de Galicia.
Na reunión abordáronse outros temas de interese común, como o plan de adaptación das Guías de Fiscalización ás NIA-ES-SP, proposto pola Comisión Técnica, así como a valoración das enquisas sobre a súa aplicación nos OCEX.
As institucións de control externo reiteraron, ademais, o seu compromiso con Revista Auditoría Pública, planificando actuacións para a próxima conmemoración do seu vixésimo quinto aniversario, no ano 2020.
Tras a convocatoria ordinaria, celebrouse unha reunión extraordinaria ao obxecto de debater sobre a modificación de estatutos de ASOCEX, acordando establecer unha Secretaría permanente, que facilite os traballos administrativos e de xestión da Asociación.