Vostede está aquí

Código ético institucional

O pasado día 13 de novembro foi aprobado o Código Ético institucional do Consello de Contas.

A súa aprobación enmárcase na crecente preocupación social pola calidade e a transparencia das institucións públicas e pola prevención e loita contra a corrupción. Como é sabido, o novo artigo 5 bis da Lei 6/1985 outorga ao Consello de Contas competencias en materia de prevención da corrupción que comprenden, entre outras atribucións, o fomento dunha cultura cívica a favor da transparencia e o comportamento ético no sector público. En consecuencia, o Consello asumirá un papel de liderazgo ético que se debe corresponder cun comportamento exemplarizante da Institución, cuxas actuacións non poden ser percibidas como incoherentes cos principios e valores éticos que defende.

O código establece estes principios e valores, así como as responsabilidades e compromisos éticos dos empregados da Institución para alcanzar os obxectivos institucionais e fai un particular fincapé na exemplaridade da conduta e no óptimo desempeño dos seus membros e do persoal ao seu servizo.

Nace como complemento necesario para reforzar a práctica profesional derivada dos principios e normas de auditoría pública aplicables ao Consello e Contas, co fin de mellorar os seus estándares técnicos e a  independencia, imparcialidade e competencia do persoal da Institución.

O Código, cuxos principios comparte con todas as institucións públicas de control, ten como obxectivos:

  • Desenvolver modelos e pautas de conduta ética e responsable que deben guiar a todo o persoal do Consello de Contas no exercicio da súa actividade.
  • Prever a comisión de comportamentos inadecuados no desempeño da súa actividade profesional.
  • Establecer os mecanismos de seguimento e control necesarios para garantir o seu cumprimento.

Con esta última finalidade créase un Comité de Ética responsable de velar polo seu cumprimento, e ponse a disposición de todo o persoal unha canle de comunicación que garante a confidencialidade de quen desexe utilizala para realizar consultas e suxestións, ou ben para informar sobre posibles vulneracións ou incumprimentos do Código.

Cara ao futuro, o Comité de ética designado terá a tarefa fundamental de asegurar non só a súa aplicación efectiva, senón a correcta comprensión e posta en práctica na labor diaria da Institución.

Un cordial saúdo.

O conselleiro maior