Canle ética de queixas e denuncias

A Canle ética de queixas e denuncias é unha canle de comunicación electrónica deseñada especificamente para que calquera empregado do Consello ou calquera outra persoa poida comunicar aquelas condutas ou comportamentos que se advirtan no seo do Consello de Contas que supoñan o incumprimento dos valores, principios e regras recollidos no seu Código ético institucional.

Esta vía non está habilitada para presentar comunicacións relativas a presuntas irregularidades ou indicios de responsabilidade nas actuacións das entidades públicas suxeitas á fiscalización do Consello de Contas.

Nace como un medio que permita ter coñecemento de calquera acción ou omisión contraria aos principios de bo goberno, como unha maneira de reforzar a xestión pública, e constitúe unha medida clave do sistema de prevención da corrupción que todas as entidades públicas deben adoptar.

A canle inclúe mecanismos para garantir a confidencialidade de todas as informacións, e ofrece un espazo de comunicación seguro que permite o anonimato para manter o contacto co órgano xestor e coñecer o estado da tramitación. Quérese favorecer deste xeito que calquera persoa ou servidor público poida facilitar información libremente, sen temor a sufrir represalias.

Esta canle será o espazo prioritario de admisión de comunicacións, sen prexuízo de que tamén sexan admitidas as que se presenten por outras canles ou de forma presencial. Neste sentido, tamén está a disposición dos interesados unha caixa do correo física para que poidan formular queixas ou denuncias en formato papel. Porén, nestes casos será necesaria a identificación da persoa denunciante co fin de que o órgano xestor poida manter o contacto con ela.

Para evitar malas prácticas no uso desta canle, aplicaranse criterios estritos para admitir as comunicacións anónimas e esixiranse responsabilidades a aquelas persoas que comuniquen feitos con abuso de dereito ou vulnerando o principio de boa fe.

A súa xestión está atribuída ao Comité de Ética.