Apertura de prazo de rendición de conta do exercicio 2016

O Consello de Contas de Galicia informa que a partir do 16 de maio, as entidades locais poden efectuar a rendición da conta correspondente ao exercicio 2016 a través da dirección www.rendiciondecuentas.es. De conformidade cos artigos 212.5 e 223 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais, o prazo de rendición das contas xerais das entidades locais correspondentes ao exercicio 2016 finaliza o próximo 14 de outubro.

Lémbrase que dende as adaptacións do Plan Xeral de Contabilidade Pública á Administración local e as Instrucións aprobadas polo Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas que regulan a rendición da Conta Xeral, a mesma incorpora unha serie de novidades dende a correspondente ao exercicio 2015. Así, a Conta Xeral das entidades locais estará formada por:

1.      As contas anuais da entidade principal, organismos autónomos e consorcios adscritos, que estarán formadas polos ficheiros establecidos na Resolución da IGAE do 13 de novembro de 2015 coas especificacións nela reguladas.

2.      As contas das sociedades mercantís cuxo capital social pertence integramente á Entidade Local, aquelas nas que teña unha participación maioritaria a Entidade, aquelas que se consideren dependentes en aplicación da Lei Orgánica 2/2012, do 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, así como as das entidades públicas empresariais dependentes da Entidade Local, que estarán contidas nos  ficheiros *xml e *pdf definidos nas Instrucións aprobadas polo tribunal de Cuentas e o Consello de Contas. (O esquema *xsd necesario para xerar o ficheiro *xml aplicable ás sociedades mercantís, atópase dispoñible no Portal de Rendición de Contas.)

3.      As contas das entidades sen fin de lucro que se consideren dependentes da entidade local principal en aplicación da Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira. (Estarán formadas polos ficheiros pdf establecidos nas Instrucións aprobadas polo tribunal de Cuentas e o Consello de Contas).

4. Resto de documentación complementaria: Actas de arqueo das existencias de caixa referidas a fin de exercicio, notas ou certificacións bancarias e, no seu caso, estado de conciliación bancaria. Contas consolidadas naqueles casos en que o Pleno da Corporación así o estableceu e, para os municipios con poboación superior a 50.000 habitantes e entidades locais de ámbito superior, a Memoria xustificativa do custo e rendemento dos servizos públicos e a Memoria demostrativa do grao de cumprimento dos obxectivos programados.