Aberta a rendición de contas do exercicio 2015

O Consello de Contas de Galicia informa que dende o 18 de maio xa se pode efectuar a rendición das contas correspondentes ao exercicio 2015, a través da dirección www.rendiciondecuentas.es. Esta rendición, de conformidade cos artigos 212.5 e 223 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, debe efectuarse antes do próximo 15 de outubro.

A rendición da Conta Xeral do exercicio 2015 incorpora importantes novidades derivadas da aplicación das novas adaptacións do Plan xeral de contabilidade pública á administración local aprobadas mediante as Instrucións de contabilidade para a administración local, modelos normal e simplificado, aprobadas polas ordes HAP/1781/2013 e HAP/1782/2013, do 20 de setembro, así como pola Resolución da Intervención xeral da Administración do Estado (IGAE) do 13 de novembro de 2015, que define o modelo e formato normalizado para a rendición telemática das contas xerais locais.

Entre as principais novidades sinálase a inclusión dentro das contas anuais da propia Entidade principal, non só das contas das súas entidades dependentes senón tamén das contas dos consorcios que se lle adscriban por aplicación da Lei de racionalización e sustentabilidade da administración local. Ademais, por aplicación das novas Instrucións de Contabilidade, incluiranse como documentación complementaria, as contas das entidades que se consideren dependentes en aplicación da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

Polo tanto, a Conta Xeral das entidades locais de Galicia, a partir do exercicio 2015, estará formada por:

1.                 As contas anuais da entidade principal, organismos autónomos e consorcios adscritos, que estarán formadas polos ficheiros establecidos na Resolución da IGAE do 13 de novembro de 2015 coas especificacións nela reguladas. Polo tanto, a Resolución do 11 de xullo de 2011 do Consello de Contas de Galicia, na que se regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais en soporte informático debe entenderse modificada pola entrada en vigor das devanditas instrucións contables e Resolución da IGAE.

2.                 As contas das sociedades mercantís cuxo capital social pertence integramente á Entidade Local, aquelas nas que teña unha participación maioritaria a Entidade, aquelas que se consideren dependentes por aplicación da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, así como as das entidades públicas empresariais dependentes da Entidade Local, que estarán contidas nos ficheiros xml e pdf definidos na resolución da IGAE do 13 de novembro de 2015. A tal fin, o esquema xsd necesario para xerar o ficheiro xml aplicable ás sociedades mercantís, atópase dispoñible no acceso á “Área Privada” do Portal de Rendición de Contas.

3.                 As contas das entidades sen fin de lucro que se consideren dependentes da entidade local principal en aplicación da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, estarán formadas polos ficheiros pdf establecidos na Resolución da IGAE do 13 de novembro de 2015, en espera da actualización das Instrucións do Consello de Contas de Galicia.

4.                 Resto de documentación complementaria: Actas de arqueo das existencias de caixa referidas a fin de exercicio, notas ou certificacións bancarias e, no seu caso, estado de conciliación bancaria, contas consolidadas naqueles casos no que o Pleno da Corporación así o estableceu e, para os concellos con poboación superior a 50.000 habitantes e entidades locais de ámbito superior ao concello, a memoria xustificativa do custo e rendemento dos servizos públicos e a memoria demostrativa do grao de cumprimento dos obxectivos programados.

En próximas datas publicarase a nova Instrución do Consello de Contas de Galicia, regulando a rendición telemática da conta xeral das entidades locais de Galicia e o formato da devandita conta, a partir da correspondente ao exercicio 2015.