25 aniversario do Consello de Contas

Acto institucional no Parlamento

O día 21 de abril tivo lugar na Sala dos Reis do Parlamento de Galicia o acto institucional de conmemoración do 25 aniversario do Consello de Contas de Galicia. O acto foi presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira. Asistiron representantes das diferentes institucións autonómicas así como dos Órganos de Control Externo do Estado. Contou cunha ampla participación do persoal do Consello de Contas.

O presidente do Parlamento foi o encargado de abrir o acto cunha intervención na que gabou o “rigor e traballo constante” desenvolvido por esta institución que  permitiu consolidala como “insubstituíble na estrutura institucional da Comunidade Autónoma”. Santalices quixo, ademais, render homenaxe a “todos cantos desde o primeiro día teñen contribuído co seu traballo a facer o que hoxe é o Consello de Contas, porque tamén desde o Consello é posible facer país cada día, como teñen demostrado e demostran decote”.

O acto contou coa intervención do presidente da Sección de Axuizamento do Tribunal de Cuentas, Felipe García Ortiz. Na súa disertación destacou o papel fundamental que exercen as institucións de control externo e puxo en valor a resposta dada a súa configuración, no ámbito estatal e autonómico, mediante “a coordinación e cooperación institucional”. Alabou as vantaxes desta cooperación “en aras dunha actuación máis eficaz e eficiente”, e relatou algunhas das actuacións conxuntas máis significativas.

De seguido o conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo López, tivo, na súa intervención, palabras de agradecemento a todos os que contribuíron co seu esforzo á consolidación da institución, cun recordatorio especial a aqueles que xa nos deixaron. A súa exposición fixo especial fincapé nos retos que se afrontan nesta nova etapa, aberta coa Lei de reforma do Consello de Contas. No marco das novas funcións, destacou que “o Consello vai ser a primeira institución de control externo de España con competencias en materia de prevención da corrupción”. Rematou expresando a vontade de dedicación “para seguir mantendo mil primaveiras máis o prestixio que esta institución leva acadado ao longo destes 25 anos”.

O acto foi clausurado polo presidente da Xunta de Galicia que destacou que “Galicia  aposta desde os labores da súa democracia por un órgano de control externo que, seguindo a analoxía sanitaria, chequea o corpo institucional e administrativo do país”, explicou, facendo fincapé en que, máis adiante robustece o Consello de Contas con novas competencias, seguindo un modelo diferente a aqueles que se basean na creación de organismos técnicos específicos pero dispersos.  Concluíu trasladando os parabéns ao Consello de Contas por contribuír a que “esta xoven democracia teña as contas claras”.