Hoxe celebrase o Día Internacional contra a Corrupción promovido pola Organización das Nacións Unidas (ONU)

Con esta conmemoración, a ONU quixo poñer de manifesto a conveniencia de reforzar a didáctica a favor dunha xestión pública e privada con acento na integridade e na exemplaridade públicas. A lexitimidade do exercicio do poder público esixe a que exista unha eficaz e crible estratexia contra a corrupción, entendida nun sentido amplo, que debe ir máis aló, por suposto, de evitar a comisión de actividades ilícitas.

A corrupción en España tense convertido nos últimos anos nun grave problema, tanto pola incidencia real do fenómeno como pola percepción dos cidadáns sobre o mesmo. O informe de Transparencia Internacional sobre o índice de percepción da corrupción sitúa a España nunha posición comparativamente alta en relación cos países da Eurozona. Por outra parte, segundo os datos aportados polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) a corrupción converteuse nos últimos anos na segunda preocupación máis importante para os  cidadáns.

A corrupción, ademais de xerar un forte sentimento de desafección política e afectar negativamente á credibilidade das institucións, supón un lastre ao crecemento económico. 

Neste contexto, dende o ano 2015 o Consello de Contas asume unha nova competencia en materia de prevención da corrupción, instaurando o que se está empezando a coñecer en España como o “modelo galego”, que combina tarefas de asesoramento e colaboración coas administracións públicas galegas na implantación de sistemas de prevención de riscos de xestión, en particular de corrupción, con tarefas posteriores de avaliación e control desa implantación. Tal e como xa se apunta no Plan estratéxico da Institución, o Consello conta como principal activo para afrontar este desafío co profundo coñecemento do sector público, adquirido ao longo de máis de dúas décadas de actividade fiscalizadora. 

Esta armazón ética institucional á que quere contribuír o Consello de Contas coa súa actividade, adquire máis relevancia se cabe  neste  momentos de crise, cando a pandemia e a esixencia de respostas inmediatas están a tensar as costuras de principios tan importantes como a transparencia, a participación política ou a lexitimidade da división de poderes. A urxencia derivada da excepcionalidade esixe máis e mellor transparencia, con verdadeira rendición de contas, pero non por obrigación, senón por convicción de que niso está a esencia do correcto uso do poder.